FOLLOWERS (2)

Que futuro para Galicia? Encontro cidadán en Sarria o 5 de maio


Somos Nós organiza un encontro cidadán ao redor dunha pregunta tan ampla coma necesaria: Que futuro para Galicia? Catro persoas, catro ocupacións, catro maneiras de ver a política desde fóra dos partidos. Un espazo de encontro afastado dos tradicionais centros de debate: a Galicia leste, concretamente en Sarria o próximo xoves, 5 de maio.

Para enriquecer a cuestión e provocar debate ao redor das múltiplas respostas posibles, Somos Nós reúne un grupo de persoas e sectores que poucas veces son protagonistas do debate político. Dúas mulleres e dous homes que non participan dun xeito significado en política e a quen poucas veces se lle pregunta a súa opinión sobre o presente e o futuro de Galicia.

Participan neste encontro Olalla Losada, estudante universitaria; Óscar López, gandeiro; Patricia de la Fuente, mestra; e Carlos Alvaredo, técnico en Animación Sociocultural. Os catro viven en Sarria, un concello de 13.500 habitantes exemplo desa Galicia afastada dos grandes centros de debate e decisión política mais cunha rica vida social e un historial recente de mobilizacións sociais en ámbitos como a economía rural ou a defensa do medio ambiente.

Durante o encontro, amais de intentar sumarlle matices e novas facetas á pregunta: Que futuro para Galicia? busca ampliar a base de reflexión e intervención política da sociedade sen necesidade de adscrición partidaria ou apriorismos ideolóxicos. Falar de ti a ti coa xente, escoitar a Galicia presente para atopar os vimbios da Galicia futura. Con ese fin, animamos a todas as persoas interesadas neste amplo debate a que se unan a nós o próximo xoves, 5 de maio, ás 20h30 da tarde, no hotel Alfonso IX, en Sarria. Presenta o acto o ex vicepresidente galego e presidente de Somos Nós, Anxo Quintana.

Este será o primeiro dos encontros que Somos Nós quere organizar en toda Galicia e tamén entre as comunidades galegas do exterior, para dialogar ao redor do país que temos, ao redor do país que queremos construír.

FOLLOWERS (2)