Preguntas Frecuentes


Somos Nós é un partido?

Non. Non é un partido, nin outro tipo de forza política.

É un movemento cidadán coa fórmula xurídica de asociación.

Pero é un movemento político, ou non ten ideoloxía?

É un movemento político, e de ideoloxía galeguista, porque pretende defender os intereses de Galicia, dos seus cidadáns, da súa cultura, dos seus sectores produtivos, do seu dereito a desenvolverse.

Iso é ideoloxía. E galeguismo.

Ídesvos presentar ás eleccións?

Non. O obxectivo de SN non é participar nunhas eleccións.

Agora que non nos oe ninguén, está máis ou menos vinculado a algún partido?

En confianza, hai militantes de varios partidos. E de ningún.

Pretendedes conseguir a unidade do nacionalismo?

Se hai distintas forzas políticas nacionalistas é porque a súa militancia democraticamente así o decidiu, e que haxa unha ou varias forzas galeguistas a priori non é bo ou malo.
O noso cometido non é influír nas decisións orgánicas das forzas políticas.

Son militante do partido X. Podo afiliarme a Somos Nós? Teño que darme de baixa do meu partido?

Non. Somos Nós é unha iniciativa cidadá compatible con partidos, sindicatos e calquera outro tipo de organización.

Queredes defender os intereses de Galicia, a súa presenza no mapa político, pero iso faise desde os partidos.

Iso faino a xente, que normalmente delega nos partidos para que a represente nas institucións. Os partidos son camiño habitual e tradicional, pero non son o único para a intervención na política, nin no rumbo que toma unha sociedade. Os movementos agrarios a comezos do século XX, ou Nunca Máis a inicios do XXI foron fenómenos moi influentes que non adoptaron forma de partido. A Asemblea Nacional de Catalunya ou Yes Scotland, en Cataluña e Escocia, foron e son organizacións fundamentais nos respectivos procesos independentistas, e organización cívicas, non partidarias.

Na vosa Declaración constitutiva falades de “campañas concretas”. Quen decide que campañas son necesarias e como levalas a cabo?

Somos Nós quere ser tamén un intelectual colectivo, ou máis exactamente, a suma de varios grupos de reflexión sectoriais que analicen aqueles ámbitos nos que se desenvolven profesional ou vitalmente e fagan propostas para melloralos. Somos Nós denunciará as carencias que detecte e difundirá as propostas que se elaboren. O sistema de traballo é en rede, presencial ou mediante as novas tecnoloxías, e sistema de decisión para cuestións xerais será mediante consulta a través de canles informáticas.

Pode ingresar un colectivo en Somos Nós?

Non, a afiliación é individual. Tampouco poden existir no seu seo outros colectivos organizados distintos dos sectoriais ou territoriais.

Como se financia Somos Nós?

Coas achegas que fan as persoas asociadas e con fórmulas de crowfounding específicas para as campañas.