Pazo de Bendaña, Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2015

O QUE QUEREMOS. Programa para as Cortes do Estado


O 22 de Xullo de 2015, na Terraza da Fundación Granell, no Pazo de Bendaña de Santiago de Compostela, presentouse o documento O QUE QUEREMOS,, o resumo das conclusións que os Grupos de Traballo de Somos Nós de Economía, Demografía e Territorio, Participación e Xuristas, elaboraron para o que consideran un programa de mínimos que un grupo parlamentario galego debería esixir para a nosa nación na próxima lexislatura das Cortes do Estado. 

Na presentación participaron os coordinadores dos tres primeiros grupos, respectivamente David Peón, Ana Luísa Bouza e Lourenzo Fernández Prieto, ante medio cento de asistentes, adherentes de Somos Nós e/ou representantes de distintas formacións políticas galegas e líderes de opinión. Este é o documento-resumo. Os informes completos irémolos colgando na web. 

Que queremos 3 Que queremos 2

 LIMIAR

Galicia é un país europeo semellante a outros países da Europa. Sete Estados da UE teñen menos poboación ca Galicia e varios unha dimensión moi pouquiño superior á nosa. Somos unha vella nación europea nunha posición privilexiada, xusto ao pé das grandes autoestradas do transporte marítimo internacional e estamos dotados de importantes recursos naturais e enerxéticos e dunha histórica capacidade de iniciativa e emprendemento. Somos ademais unha cultura europea e global con dous idiomas de grande proxección internacional.

Porén, no contexto español, Galicia achega un peso limitado en termos de PIB e poboación (5,5 e 6%). Pero o decisivo é que as súas bases económicas estratéxicas son absolutamente prescindíbeis para o Estado. A nosa necesidade do autogoberno está relacionada coa nosa forma diferente de producir e de estar no mundo global (cultura). Tamén porque para poder garantir o noso benestar, vontade de igualación social e calidade de vida a nosa cidadanía require dun espazo político definido e diferenciado.

O chamado Estado das Autonomías está esgotado. Baseouse en acumular novas instancias de poder sobre as preexistentes sen eliminar ningunha (Delegados e Subdelegados do Goberno, Provincias e Deputacións). E as regresivas medidas de recentralización dos últimos tempos só xeraron novos problemas e ineficiencias. Trátase dun sistema caduco, impropio dos avances tecnolóxicos actuais baseado na idea dunha mente centralizada que todo o sabe e o decide, no canto de decidirmos nós, en rede, cada quén no seu, aplicando o sentido común e atendendo ás súas necesidades.

A crise de 2008 tróuxonos, xunto cun deterioro xeral das condicións de vida da poboación galega, unha acelerada destrución das nosas formas de estar no mundo, un agravamento dos procesos de emigración xuvenil e de perda de poboación que nos achega a un colapso demográfico. Emerxen tamén novas iniciativas de todo tipo que mostran a resistencia a desaparecer da nosa vella nación. A celebración deste 25 de xullo cidadán é unha destas iniciativas a destacar.

A vindeira lexislatura estatal pode ser, sequera dun xeito limitado, constituínte. E Galicia ten que estar onde se vai decidir, para poder decidir. Outros pobos téñeno claro. De non estarmos con capacidade de decisión teremos que asumir as consecuencias de perder benestar social e desenvolvemento económico.

Para estar a altura dos tempos e do futuro compre pornos a construír tamén dende Galicia ese Estado plurinacional e en rede que demandan os tempos e as seguintes xeracións, e nese camiño propomos as presentes BASES DUN PROGRAMA PARA UN GRUPO GALEGO NAS CORTES.

 

PARA CONTRIBUÍR NA REFORMULACIÓN DO ESTADO

1.- Impulsar unha reforma constitucional en sentido plurinacional que facilite a ampliación do autogoberno galego, garantindo o logro dun status político que reflicta o carácter nacional de Galicia. Eliminar ou redefinir as instancias de poder centralizadas e obsoletas do vello estado decimonónico : Provincias, Ministerios con competencias transferidas…

 

PARA GARANTIR A DEMOCRACIA A PARTICIPACIÓN E OS DEREITOS BÁSICOS

2 – O exercicio efectivo dos dereitos políticos, civís e sociais e da igualdade de oportunidades. Situar ao Estado como garante do dereito á vivenda, ao traballo, á liberdade de expresión e manifestación.

3 – Dende os principios da democracia directa, defender a cesión de poder e capacidade de xestión ás instancias inferiores. Hai máis democracia efectiva canto máis poder teñen as comunidades máis pequenas.

 

 PARA IMPULSAR UNHA VISIÓN SOCIAL DA ECONOMÍA

4 – Rescatar os servizos públicos dos procesos privatizadores considerando os intereses da cidadanía galega.

5 – Impulsar a economía produtiva que garanta o benestar e a igualdade como instrumento eficaz para desacelerar a desfeita demográfica, e na defensa dos sectores produtivos galegos. Redución da economía especulativa e pulo da economía do coñecemento e a innovación, co impulso da transición cara unha economía de base orgánica. Apoiar a agricultura sustentable. Priorizar o gasto público en investimentos produtivos a longo prazo e reducir o gasto en consumo e infraestruturas.

6.- Camiñar na superación do modelo económico Mediterráneo e radial dende a “periferia” atlántica do norte peninsular que é centro no Atlántico e nas rotas marítimas transcontinentais. Impulsar lóxicas económicas trans-estatais peninsulares no marco europeo, freando de vez o impacto negativo continuado das políticas estatais.

7 – Procurar unha fiscalidade xusta para Galicia consonte ás nosas características e necesidades na busca dun acordo bilateral que dea recursos ao Goberno galego para exercer as súas funcións.

  

PARA QUE SE ESCOITE A VOZ GALEGA NO MUNDO

 8.- Dar protagonismo a Galicia nas instancias onde se debaten cuestións de relevancia para o Pais. Galicia debe ser a única responsábel na execución e aplicación do Dereito europeo e das decisións administrativas europeas. Debemos ter representación directa no Consello de Ministros e o Comité de Representantes Permanentes (COREPER) e nos órganos da Unión de que fagan parte os Estados Membros, para adoptarmos as decisións que constitúan a vontade europea.

9 – Garantir o mesmo status para o galego e o castelán en Galicia, como dereito e como obriga. Cun tratamento preferente tamén para a lingua portuguesa a prol da competitividade global e das culturas.

10- Galicia precisa da institucionalización dunha gobernanza política transfronteiriza europea no marco da Eurorrexión Galicia-Região Norte. O Estado atribuiralle constitucionalmente ao Poder Galego as plenas competencias para acordar coas Autoridades da República portuguesa e da Unión Europea o marco xurídico e institucional desa gobernanza.

 

Galicia, 22 de xullo de 2015