CIlEb3EWoAASQ0W

Resumo da I Asemblea Xeral #Somos Nós28X


CIlAwWDWgAAFRYVA I Asemblea Xeral de SN renova a directiva e aproba unha Declaración ante as Eleccións Xerais  

Somos Nós decide elaborar un programa de obxectivos de Galicia nas Cortes do Estado

Anxo Quintana: “Se unha candidatura non se basea nun movemento de base cidadá non poderá xogar o papel decisivo que se require”

A primeira Asemblea Xeral do movemento Somos Nós, celebrada esta mañá —aniversario da votación do Estatuto de Galicia en 1936— no hotel Virxe da Cerca, decidiu ofrecer a súa colaboración con persoas, movementos e organizacións  que están pola construción dunha candidatura de unidade galega. “Somos Nós é un movemento cívico transversal e inclusivo, pero non un ente abstracto. En Somos Nós, colabora xente de moitos ámbitos políticos, esa é a nosa aportación. Sería bo que fixésemos o esforzo de exportar ese espírito e tecer complicidades con persoas e organizacións que comparten ese sentimento de unidade e transversalidade. A unidade non se constrúe con slogans, senón dialogando. Somos Nós é un dos espazos de encontro para tecer complicidades e chegar a acordos”, sinalou Anxo Quintana, recén elixido presidente do movemento.

“O único xeito de aproveitar a oportunidade que se presenta  é que Galicia participe cunha voz propia, autónoma, que so dea contas á sociedade galega. Iso non é hoxe unha proposta nacionalista, por moito que historicamente o fose, é unha necesidade de País. Unha coalición partidaria sería un paso positivo, pero non suficiente. Ou se traduce nun movemento de base cidadá ou non poderá xogar o papel decisivo que se require”, engadiu. Somos Nós acordou que os grupos de traballo sectoriais integrados na plataforma establezan o que consideren os obxectivos ineludibles a conseguir por Galicia na próxima lexislatura das Cortes do Estado. O movemento celebrará en datas próximas ao 25 de Xullo un acto nacional para dar a coñecer estes puntos. Neste acto trasladarase o convencemento de Somos Nós de que estes obxectivos non serán posibles se non hai representación política propia e forte. Así mesmo, iniciará un proceso de implantación territorial e de interlocución da sociedade.

Os grupCIlEb3EWoAASQ0Wos de traballo aprobados na Asemblea. O de Economía, coordenado por David Peón Pose, poñerá o foco na mala situación económica e peores perspectivas ás que nos enfrontamos en Galicia: o declive demográfico, o devalo de sectores estratéxicos da nosa economía, a marcha ou quebra de empresas, as perspectivas de emprego no País, en particular para os mozos, o peso político de Galicia en España e en Europa. O Xurídico, coordenado por Xoán Antón Pérez Lema, traballará neste curso sobre as oportunidades perdidas para máis autogoberno no actual marco e sobre os cambios precisos para un necesario aumento do autogoberno. O de Demografía e Territorio, coordenada por Lourenzo Fernández Prieto explorará propostas de revitalización demográfica que procuren que a mocidade galega teña futuro na terra. O de Dereitos de Cidadanía e Participación, coordenado por Ana Luísa Bouza Santiago analizarán propostas para mellorar a transparencia das institucións e a participación da cidadanía nas tomas de decisións nos marcos local e galego.

Resumindo, os acordos que se adoptaron, a maiores de aprobar os estatutos, o plan de traballo e a declaración política son:
  1. Os grupos de traballo sectoriais integrados na plataforma establecerán o que consideren os obxectivos ineludibles a conseguir por Galicia na próxima lexislatura das Cortes do Estado.
  2. Somos Nós celebrará en datas próximas ao 25 de Xullo un acto nacional para dar a coñecer estes puntos. Neste acto trasladarase o convencemento de Somos Nós de que estes obxectivos non serán posibles se non hai representación política propia e forte.
  3. Somos Nós iniciará un proceso de implantación territorial e de interlocución coa sociedade.
NOVA DIRECTIVA
Presidente: Anxo Quintana
Vicepresidenta: Ana Luísa Bouza
Secretario: Xosé Antón Jardón
Tesoureiro: Severino Rodríguez
Vogais:
Isabel Blanco Franco
Lourenzo Fernandez Prieto
Abel Lopez Soto
Antía Paz Cabezas
Xesús Iglesias
Xosé Manuel Pereiro
Vicente Fernández Victoria
Sara Seco Rial
Xurxo Rodriguez Mendez
Xosé Manuel Perez Bouza
Paulo Casal Figueira
Sara Torreiro
David Peón Pose
Roberto Mera
Isidro Dubert
Rafael Tilve
Luis Magarinhos Igrejas
Fernando Rei Maio
Iván López López
Mariló Candedo Gunturiz
Alejandro Lorenzo Vázquez
Xosé Lois Suárez Becerra
Luis Felipe Fernández Fernández
Manuel Pérez Castreje