553f7a28ca533-imag2814

Galicia diante dun novo mandato municipal


553f7a28ca533-imag2814

Somos Nós calcula que Galicia debe recibir o dobre para dotar de servizos aos cidadáns

Praza Pública, 28 de abril de 2015

 Sara Torreiro | @sara_te

A plataforma cívica Somos Nós presentou o seu primeiro informe, feito por 20 expertos, Galicia diante dun novo mandato municipal, que lle vai enviar á Fegamp e aos partidos políticos para xerar consenso arredor dun modelo de financiamento “máis xusto” para os concellos.

Desde Somos Nós sinalan que as eleccións locais presentan unha pluralidade de opcións “lexítimas e parte da normalidade dun País democrático”. Porén, a plataforma sinala que é preciso superar as diferenzas partidarias en  determinadas iniciativas que deben abordarse “co consenso e a valentía precisas”. Ditas iniciativas estarían encamiñadas a resolver “vellas inxustizas” que “lastran as posibilidades dos galegos”. Por isto, durante a presentación da

iniciativa, o líder de Somos Nós, Anxo Quintana quixo salientar que “canda a outros obxectivos como transparencia e participación, que tamén son importantes, hai algo fundamental, que é que os concellos teñen que administrar servizos básicos aos cidadáns” porque é unha “instancia indispensable do mantemento do Estado do Benestar”.

A finalidade desta iniciativa é crear unha “acción conxunta de cidadáns e partidos políticos” con dous obxectivos no próximo mandato municipal. Por unha banda, conquerir un modelo de financiamento xusto para os concellos e pola outra, ter capacidade para ordenar e lexislar no mundo local desde a realidade social galega e non con parámetros foráneos. Para isto sería preciso que o Estado transferira a Galicia as competencias en materia de réxime local.

Quintana afirmou que os concellos teñen a “obriga constitucional de prestar servizos básicos aos cidadáns pero non é o mesmo facelo a 6.000 cidadáns congregados nun mesmo núcleo que a 6.000 dispersos en 20 núcleos”. Ao fío disto engadiu que “para que haxa igualdade no trato, esa circunstancia tiña que tela en conta o Estado, algo tan elemental, que supón un feito diferencial, non se ten en conta á hora de repartir o financiamento, polo que as galegas e os galegos estamos discriminados”.“Vou dar un dato”, concluíu, “o Estado Español ten 63.000 núcleos de poboación, deses, 35.000 están en Galicia”

Un reparto inxusto

No seu informe a plataforma explica que xa que os concellos teñen atribuída a competencia institucional de dotar de servizos básicos á súa veciñanza, a participación das entidades locais nos ingresos estatais debería estar destinada a posibilitar a execución deste mandato. Desde Somos Nós afirman que para iso sería preciso facer una “valoración xusta do custo real da prestación de servizos en cada concello, segundo a súa tipoloxía e características”.

Quintana subliñou que “o modo no que está asentada a poboación nun  territorio é determinante para calcular eses custos”. A plataforma considera que no reparto actual se “prima esaxeradamente” a poboación sen ter en conta “factores diferenciais galegos” como o “modelo de asentamento, o envellecemento da poboación ou a taxa de fecundidade”.

Galicia recibe 210 euros por habitante, Madrid 350 euros e Cataluña 320.

A proposta de Somos Nós propón un novo modelo de participación nos tributos do estado en base a unha proposta de ponderación que se divida nun 65% polo o criterio da poboación, un 15% polas entidades de poboación, un 10% polo esforzo fiscal e un 10% polo envellecemento de poboación e a taxe de fecundidade. Somos Nós calcula que, aplicando estes parámetros sobre a

contía total que corresponde no 2015, Galicia tería que recibir o dobre do que actualmente recibe, un “total estimado de 1.158 millóns de euros”.

Quintana afirmou que isto “pasa en Galicia” porque somos o “5% da poboación do Estado e non supoñemos ningún problema político e nós queremos plantexalo. Se isto pasara en Andalucía xa estaría resolto. E non queremos un conflito irresoluble, senón democrático, e por iso nós imos procurar xerar en cuestións como esta posturas de país”. Ao fío disto engadiu que non é “unha

cuestión que vaia formar parte do reto electoral, senón para os próximos 4 anos de mandato”.

“Queremos espertar preguntas de país”, expuxo, “e contestalas con honestidade dentro da normalidade democrática” No informe a plataforma tamén subliña que “cómpre deixar constancia” que unha das “preocupacións do Goberno” é a débeda dos concellos, no caso galego é duns 255 euros por

habitante, “tres veces máis baixa que a media estatal de 745 euros por habitante. Somos Nós tamén puntualiza que Galicia está por debaixo da media estatal en gasto municipal, 1048 euros, con 817 euros por habitante.

Quintana quixo incidir que o obxectivo do informe é “xerar consenso entre partidos políticos, institucións e cidadáns, porque sen a forza deste últimos de nada serve o resto”. Concluíu que hai que preguntarse se a cuestión que piden “é xusta ou non, se Galicia rompería a caixa do Estado con isto ou se España se faría anacos porque as competencias de réxime territorial estiveran en

Galicia”. “É xusto, necesario e beneficioso para todos, polo tanto o consenso pode construírse”, pechou Quintana.

Tamén en: Europa Press, Sermos Galiza, La Región