Un novo corazón para este país


Saúde.

O camiño da iniciativa Somos Nós comezámolo a andar o pasado 21F no acto fundacional na Facultade de Xornalismo da USC, pero antes, un pequeno grupo de persoas, que foi medrando aos poucos, estivemos facendo rozas e tentando abrir carreiros no País.

Con ese fin organizamos reunións e conferencias, falamos con moita xente, telefonamos, mandamos mails e recados para explicar o proxecto. A día de hoxe, estamos anotadas 303 persoas, cada día temos novas altas e outras mostráronnos o seu apoio formal.

Inscribimos Somos Nós como Asociación (que é o que somos), e rexistramos para o seu uso o dominio somosnos.gal e os correspondentes perfís nas distintas redes sociais. Tamén, para evitar calquera uso indebido no futuro, rexistramos Somos Nós como marca comercial e como partido político. Este última medida ten provocado un certo ruído. Por se non soubemos aclaralo (tampouco nos deron moita ocasión), aproveitamos para reiterar que no ánimo do grupo promotor non está a creación dun novo partido político, por calquera dos métodos vellos ou novos, escisión, xemación ou xestación por esporas, nin tampouco a participación nunhas eleccións baixo calquera outra fórmula.

Como dicíamos, o 21F comezamos un camiño, que en realidade é dobre:

Por un lado, o grupo de inicio inscribimos hai dous meses unha Asociación sen ánimo de lucro, con carácter provisional. Agora comezaremos o proceso de formalización da Asociación coa participación de todos os asociados. Mediante propostas e debates, estableceremos os seus estatutos, o seu regulamento interno e órganos de dirección (que terán que ser compatibles coa vixente Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación) e o plan de traballo e campañas a desenvolver. Tentaremos implementar os trebellos informáticos pertinentes para que o debate sexa o máis áxil e participativo posible. Temos previsto rematar este proceso constituínte nunha Asemblea Xeral o 28 de xuño.

Polo outro, iremos creando e consolidando grupos territoriais que nos permitan ampliar o noso radio de acción, e tamén constituíndo grupos de traballo temáticos, profesionais ou outros que as persoas asociadas decidan, para ampliar a nosa actividade e formalizar unha estrutura de traballo e pensamento práctico que se converta nunha ferramenta útil para acadar os obxectivos da declaración constitutiva, ademais de reunir ás persoas con interese en traballar en temas concretos.

Para organizar este despregue sería ben, como dicía Cabanillas (o bo), “ir porta por porta encendendo os corazóns”. Falar do noso proxecto no teu círculo de relacións e, se che é posible e o consideras positivo, facernos chegar a túa disposición para colaborar na organización dunha reunión no teu lugar de residencia ou de traballo.

En aras da transparencia coa que nos pretendemos rexer, achegamos a Acta de constitución provisional da Asociación e informamos que as nosas contas, resultado da diferencias entre os nosos ingresos (as achegas dos membros do grupo de inicio e as ventas de chapas e as doazóns no acto fundacional do 21 de febreiro) e os gastos (trámites e loxística do acto) arroxan un saldo positivo de 276,99€. Quen queira ter a información detallada pode reclamala no noso email.

Así mesmo, quen poida/queira achegar unha doazón para poder financiar as nosas actividades ata que a Asemblea Xeral aprobe os regulamentos definitivos, e neles os deberes de contribución dos socios, pode facelo na conta ES50 2080 0126 2930 4003 6537 a nome de Asociación SOMOS NÓS

Empezamos a conta atrás do 28X. Empezamos a dar centos de pasos adiante.

Somos Nós.