Galicia diante dun novo mandato municipal


Proposta dun modelo máis xusto para o acceso dos/as galegos/as ao benestar dende os Concellos

Os concellos galegos teñen a obriga institucional de prestarlle aos cidadáns servizos básicos. A prestación destes servizos forma parte esencial do mantemento do Estado de Benestar. Así pois, asegurar os mecanismos necesarios, para que os concellos galegos poidan cumprir coa súa obriga, debe de ser unha prioridade de País que Galicia debe de asumir con unidade e determinación.

Véñense de convocar unhas novas eleccións locais. Partidos e agrupacións electorais concorren a estes comicios e reclamaranlle o voto á cidadanía para, cada un dende as súas formulacións, darlle resposta a esta obriga. Todas as opcións son lexítimas e todas forman parte da normalidade dun País plural e democrático. Mais dende SOMOS NÓS pensamos que, por riba das lóxicas e lexítimas diferenzas partidarias, hai determinadas iniciativas que, como País, deberiamos afrontar co consenso e valentía necesarios. Coa vontade de construír País. Para evitar que Galicia, e os concellos galegos, xoguen con desvantaxe. Para resolver vellas inxustizas que lastran as posibilidades de benestar dos galegos e galegas.

Por iso propomos unha acción conxunta de cidadáns e partidos políticos para cando menos conseguir que, no próximo mandato municipal, se resolvan dous vellos agravios co noso País: Conseguir un modelo de financiación xusto para os nosos Concellos e acadar capacidade para ordenar e lexislar no mundo local dende a nosa realidade social e non dende parámetros impostos dende fóra. Ou o que é o mesmo: Un novo modelo de participación dos Concellos galegos nos ingresos do Estado e a transferencia a Galicia das competencias en materia de réxime local. Porque o primeiro sen o segundo, sendo de xustiza e necesario, sería insuficiente para poder prestarlle á nosa veciñanza os servizos de calidade, universalidade e de proximidade que demandan e merecen nos novos tempos novos que se aveciñan.

DOCUMENTO COMPLETO [PDF]  » “GALICIA DIANTE DUN NOVO MANDATO MUNICIPAL”