Somos Nós ante as Eleccións Xerais


SOMOS NÓS nacía en febreiro deste ano coa vontade de unir os galegos e galegas na defensa do País. E queremos exercer esa defensa a marxe da actividade, honorable e imprescindible, dos partidos políticos e da competición electoral. Somos Nós é un instrumento para construír País. Un escenario de encontro, debate e acción de toda a xente á que lle interese Galicia e que queira que exista politicamente.

Por sorte, hoxe corren tempos de ilusión e cambio. De rebeldía en busca de rexeneración política, benestar e igualdade. SOMOS NÓS quere facer a súa contribución para agrandar ese aire de liberdade e para que o seu sopro se una ao vento que encha as velas de Galicia.

Somos un País plural cunha maioría social que comparte un sentimento de pertenza a esta Terra. Un sentimento que nos une e que nos fai máis fortes. Mais tamén somos un País necesitado de traballo e liberdade. De benestar e rexeneración democrática.

En Galicia, igual que no resto do Estado, vai en aumento unha corrente de opinión que rexeita o actual modelo de xestión da nosa economía e as costumes políticas que a sustentan. Unha economía baseada na especulación financeira e o servizo dos intereses dun poucos. Unha economía sen alma que debuxa cadros macroeconómicos como lle convén para convertelos en intocables libros sagrados, mentres contempla con pasividade e desprezo o aumento imparable da pobreza da xente. Un modelo económico que só pode sustentarse en institucións baleiras de contido, afastadas do sentir do pobo e enxangadas pola corrupción.

Cómpre buscar solucións con valentía e realismo e cómpre tecer complicidades con audacia e xenerosidade. Sumar vontades para implantar en Galicia modelo de desenvolvemento baseado na economía produtiva que valorice os inmensos recursos que ten o noso País e que o faga contando ca xente.

Non deberiamos de perder nunca de vista que a realidade económica, social e política de Galicia presenta condicións diferenciadas, e mesmo difíciles de homologar coas do resto do Estado. O que para nós é estratéxico e fundamental, para o Estado é superfluo e prescindible. E por iso que todas as planificacións económicas executadas dende o Estado ao longo da nosa historia non serviron para procurar o desenvolvemento acaído do noso País. Mentres a unidade de medida utilizada para a acción política sexa España, a Galicia iralle mal. Precisamos cambiar o centro de decisión.

O inminente inicio dunha nova lexislatura nas Cortes do Estado ponnos enriba da mesa unha marabillosa oportunidade para intentar darlle unha volta á Historia. Na nova lexislatura será ineludible a apertura dun debate sobre unha nova organización territorial do Estado. Unha nova organización que proporcione poder real de decisión para que os galegos podamos, dende nós mesmos, sacar proveito os nosos recursos e xerar emprego e benestar.

Resulta fundamental que Galicia exista politicamente no novo parlamento de Estado cunha representación propia, forte e decisiva. Unha representación propia de Galicia, pero non pechada á interlocución e acordo con outras representacións do estado para poder construír, entre todos, maiorías parlamentarias a favor dos intereses da maioría social. Unha representación política plural, como plural é o País, mais tamén unida, forte e autónoma para establecer relacións bilaterais co goberno democraticamente elixido.

Galicia representa apenas o 5% da poboación do estado e unha porcentaxe parecida do seu PIB. Por desgraza para nós, somos prescindibles para o estado tanto en termos económicos como políticos. A representación propia de Galicia en Madrid hoxe non é unha proposta nacionalista. É unha necesidade de País e como tal debemos enfrontala.

E tarefa de todos construír a unidade que faga posible os nosos soños e as nosas expectativas. Ninguén pode ter o patrimonio exclusivo da unidade ni ninguén ten que quedar excluído dela. E a unidade de todos e todas os que queren que Galicia exista. É a unidade da xente, non só dos partidos. A unidade que faga posible que Galicia sexa protagonista, e non só espectadora, do novo tempo que se abre.

SOMOS NÓS só quere ser un escenario de encontro para axudar a construír esa unidade. Nin o único nin o máis importante, pero un dos que serán necesarios.