A revolta cívica por Galicia


Declaración Constitutiva

Un novo tempo ábrese camiño. No medio dunha crise política, económica e institucional, sen liderado e sen pulso político propio, perdendo cada día máis peso en todos os aspectos, Galicia xógase o que é e o que pode ser. Ninguén nos vai vir salvar, nin a nós nin a Galicia. É o momento de fortalecer o que nos une. O momento de actuar.

Estamos aquí para cambiar o País e facer país de forma ética, transparente e participativa. A opinión, a cooperación e a acción política hoxe xa non están nin poden estar limitadas á militancia partidaria por importante que esta sexa. Eis polo que chamamos á unión dos galegos e galegas, independentemente da súa adscrición, de que a teñan ou non, para armarmos en común nun compromiso cívico en clave de País. Unha revolta cidadá, unha auténtica mobilización social para a afirmación de Galicia e para que sexamos respectados no escenario político estatal. Temos na nosa historia exemplos de movementos que cambiaron as cousas, dende o agrarismo ás Irmandades da Fala e Nunca Máis. Esas son as nosas referencias.

Chamamos á conformación dunha comunidade cívica, plural, democrática e aberta na que podemos participar todos e todas. Chamamos aos que queiran unirse entre iguais para sumar esforzos e vontades. Chamamos a axuntármonos nos diversos sectores sociais e profesionais para debater e organizar os métodos para melloralos. Queremos que Galicia teña a oportunidade de escribir o seu futuro reclamando o dereito a ser dona e beneficiaria dos seus recursos. Queremos, en definitiva, conformar unha forza cívica que sexa quen de promover accións sociais pacíficas e democráticas para a construción nacional de Galicia ou para deter actuacións que vaian en contra dos intereses da maioría da cidadanía.

Queremos construír unha comunidade que promova sen exclusións o noso idioma e a nosa cultura e defenda os nosos intereses nacionais. E que a faga libre da tutela de ningún poder político ou ningún goberno alleos. Queremos un País máis xusto, máis igualitario e con maiores cotas de benestar para todos e todas

O que sexamos, a onde cheguemos, farémolo en común, por nós mesm@s. A solución SOMOS NÓS.

Galicia, febreiro de 2015

A Organización

  • A participación nesa comunidade é a título individual, sen distinción de orixe nin nacionalidade nin outra condición ideolóxica ou política que o respecto aos dereitos humanos, aos principios democráticos, á transparencia nas actuacións e á asunción dos obxectivos explicitados nesta Declaración.
  • A estrutura priorizará a horizontalidade e a axilidade. Cada persoa inscrita estará incluída nun só grupo territorial e poderá participar nos grupos sectoriais que desexe. Até a aprobación dunha estrutura territorial/sectorial, a Directiva encargarase de resolver as solicitudes individuais de inscrición e a relación- comunicación coas persoas inscritas.
  • A comunidade celebrará unha asemblea anual, á que poderán acudir con voz e voto as persoas inscritas, de avaliación do traballo realizado, aprobación do plan de traballo anual seguinte e escolla da Directiva. Regularase a forma de elección, o límite de mandatos, e os axustes de xénero.
  • Ao ser o activismo político o trazo principal da comunidade, para cada campaña-acción crearase un grupo de traballo específico responsable directo das accións da campaña.
  • Financiarémonos coas achegas das persoas inscritas e coas colaboracións de financiamento específico para cada campaña; ambas as fontes de financiamento serán publicadas con detalle periodicamente como fórmula de transparencia.
  • Faremos un uso intensivo das facilidades das NTIC, tanto nas campañas como na estrutura e vida orgánica, como fórmula para ampliar a participación e a transparencia e coa precaución debida ante a exclusión que produce a fenda dixital, tan visible en Galicia.

Chamamos

Ás galegas e aos galegos de toda adscrición política e ideolóxica, que confían nas nosas capacidades como País e queren para Galicia un futuro mellor, a sumarse a este movemento.